Artículos

Prestige: 10 anos de memoria

Recordo perfectamente aquel día. Era un mércores de outono, día laborable, pouco despois da hora de xantar. En plena sobremesa, Galicia quedou paralizada diante das imaxes dun petroleiro que naufragaba na costa, a 28 millas de Fisterra, cargado con 77.000 toneladas de fuel. O Prestige viña coa bandeira das Bahamas e 27 tripulantes, cun capitán grego, Apostolos Mangouras, que asumira o posto despois da renuncia do anterior. Partira de Letonia e dirixíase a Xibraltar.

Dous días despois, coa evidencia do primeiro verquido no Atlántico, as autoridades españolas -concretamente, por orde do daquela director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors- decidiron levar o barco mar adentro. E prohibiron terminantemente levalo a porto. O 19 de novembro, o Prestige partiuse en dúas metades, provocando unha marea negra de 1.600 kilómetros, de Galicia a Francia: 63.000 toneladas de chapapote pintaron a Costa da Morte da cor máis escura.

A reacción do pobo galego

Foi un desastre medioambiental pero tamén social, que deixou sen traballo a miles de xentes do mar. “Un recuerdo muy triste, muy duro. Veíamos que se nos venía una cosa muy negra que no sabíamos lo que era encima y eso no se nos va a olvidar nunca”, explicaba onte Evaristo Fernández, patrón maior da Cofraría de Pescadores de Cangas, nunha entrevista en Radio 5. A resposta social foi masiva, con máis de 40.000 voluntarios chegados de todo o mundo para limpar as costas e intentar reparar o irreparábel, e manifestacións masivas, tamén a nivel estatal, convocadas pola plataforma Nunca Máis.

Foi un movemento sen igual que encheu as rúas de xente berrando contra o Goberno, que indignou á sociedade con frases para o recordo coma o “Salen unos pequeños hilitos” de Mariano Rajoy ou o “Si hace falta me vuelvo a bañar, como en Palomares” de Manuel Fraga, entre outras.

“Leváronnos a un cadeleito flotante”

Onte, no xuízo, puidemos ver a un Mangouras abatido e emocionado ao recordar, dez anos despois, o momento en que recibiu a orde de remolcar o buque mar adentro: “As nosas familias estaban vendo o buque por televisión”, foron as únicas palabras que logrou articular. O capitán do Prestige recoñeceu que detectou corrosión nos tanques de lastre, pero asegurou non estar capacitado para medir o seu nivel, e censurou a decisión das autoridades de remolcar o buque: “Leváronnos a un cadeleito flotante”, espetou. Os únicos imputados no caso Prestige son, ademáis de Mangouras -para o que a Fiscalía pide a pena máxima, de 12 anos de cárcere-, o xefe de máquinas, Argyropoulos Nikolaos, o primeiro oficial, Ireneo Maloto (en paradeiro descoñecido) e, canda eles, José Luis López Sors. O resto de actores políticos aos que se atribúe parte da responsabilidade, coma Mariano Rajoy (portavoz do Goberno en 2002), Francisco Álvarez Cascos (daquela Ministro de Fomento), Miguel Arias Cañete (Ministro de Pesca e Agricultura) ou Jaume Matas (daquela Ministro de Medio Ambiente) -continúan impunes a pesar da presión social e por parte de ONG’s como Greenpeace, que onte colgou un gran cartel de denuncia no edificio onde se celebra o xuízo do Prestige.

A opinión pública non coincide coas imputacións no caso Prestige. Mangouras, Greenpeace e a plataforma Nunca Máis non son os únicos que censuran a actuación das autoridades e reclaman a súa responsabilidade na catástrofe. O propio patrón maior da Cofraría de Pescadores de Cangas saíu en defensa do capitán do Prestige: “Creo que es el menos culpable de todo esto”, e sinalou outras pezas do puzzle, como a oficina de inspectores que autorizou a navegación do buque, a casa armadora e, de novo, as autoridades que ordenaron o remolque. Móstrase convencido de que “si lo hubieran metido en un puerto o una ensenada, habrían dañado un cachito pequeño, pero no toda la costa” e califica a decisión de “desastre total”.

¿Estamos preparados para unha nova catástrofe?

Parece que, unha década despois, hai moi poucas cousas claras. Non hai acordo á hora de atribuir responsabilidades nin datos definitivos sobre o impacto real do Prestige na actualidade. E xunto co recordo, está o medo a unha nova marea negra. ¿Estamos preparados para unha nova catástrofe? “Yo creo que estamos a merced de otro Prestige”, sentencia o patrón maior, facendo referencia á falta de medios e á xestión por parte das autoridades. “Lamentablemente, este tipo de barcos siguen navegando. Y los inspectores, que tienen que hacer unos reconocimientos muy exhaustivos, yo tengo mis dudas de que los hagan, porque si los hicieran muchos de esos barcos no navegarían hoy”.

Galicia acolle hoxe un xuízo que pode ser esclarecedor, pero xamáis definitivo. Falta xente no banco dos acusados e mil desculpas de consolación. Mais, aínda así, nunca serán quen de borrar a memoria dun pobo que manchou as súas mans co chapapote da vergoña e a incompetencia.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s